Información do Concello de Touro 

 

ÍNDICE

Situación  xeográfica

Lindes

 Montes

Ríos

Clima (O tempo)

Fauna

Flora

Comunicacións

Historia

Economía

Queixerías

Residencias

Caza e pesca

Feiras

Festas

Xenerais do Ulla

Monumentos

Igrexas parroquiais

Capelas

Pazos

Cruceiros

Castros, vías romanas

Muíños

Turismo Rural

Cultura e ocio

Instalacións deportivas

Asociaciones

Corporación municipal

Sanidade

Rutas sendeirismo

Áreas recreativas

Praias máis próximas

Distancias

Datos estadísticos

Mapas

 

 

Situación xeográfica

       O Concello de Touro atópase situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia (España) ó sur da   provincia de A Coruña. Pertence á Comarca de Arzúa e está na vertente norte do río Ulla que serve de fronteira natural entre a provincia de A Coruña e a de Pontevedra. Fonte Díaz ,capital do Municipio está a escasos trinta quilómetros da cidade de Santiago de Compostela que aparte de ser Capital de Galicia, é tamén a cidade que exerce a súa influencia sobre estas terras no que a servicios se refire.

            Lindes

            O Concello de Touro linda polo Norte con terras do Concello de O Pino, sendo Cebreiro, unha parroquia deste último concello, a que se mete en forma de cuña en terras de Touro. Polo Sur linda co río Ulla que fai de fronteira natural, separando as provincias de A Coruña e de Pontevedra. Polo Leste co Concello de Arzúa e polo Oeste co Concello de Boqueixón.

            Montes

            Por ser un concello situado na vertente media do río Ulla, cando nos imos achegando ó río que vai moi encaixonado, aparecen fortes barrancos e pendentes, sobre todo nas parroquias situadas a beira do seu curso; Circes, Calvos, Novefontes, Fao, Ribeira, Foxás e Bendaña. Tamén hai pendentes bastante pronunciadas a carón dalgúns afluentes do Ulla coma o Lañas e o Brandelos. Nas parroquias da parte norte do concello o terreo faise máis suave e aparecen varias chairas altas onde abundan as praderías e as terras de cultivo. Entre estas parroquias hai que citar a Beseño, Quión, Andeade, Loxo e Bama.

            Se consideramos a altura sobre o nivel do mar, a zona máis baixa está na parte sur da parroquia de Bendaña xunto ó río Ulla que está a escasos 100 metros de altura, e a parte máis alta do concello está na parte norleste de Beseño,  cerca da capela da Santa Isabel, que sobrepasa os 400 metros. Despois ó longo do concello hai outras elevacións bastante pronunciadas entre as que podemos nomear as seguintes: preto da aldea de Arenteiro (Loxo) temos o Monte das Minas, con 453 metros, que na actualidade está desfeito polos movementos de terra que se fixeron para a extracción de minerais ferro-cobrizos.  Tamén en Loxo está o monte do Coto de San Sebastián que ten 392 metros. No cume deste coto, ó que podemos subir en coche hai un reemisor de TV e máis abaixo unha capela na que se celebra unha sonada romaría. A capital do municipio, Fonte Díaz, está a unha altura media de 320 metros. Na parroquia de Fao temos a Croa do Castro, onde se conserva un castro celta, que ten 334 metros e o Coto Grande con 330 metros. Preto da aldea do Outeiro de Andeade está o Monte Vaqueriza con 343 metros. En Calvos e Beseño hai montes que rondan os 400 metros. No resto das parroquias os puntos máis elevados están entre os 300 e os 400 metros.

            Ríos

O principal río que baña as terras de Touro é o río Ulla que pasa polo sur do concello describindo un trazado bastante sinuoso e en algúns casos de difícil acceso polas fortes pendentes e a espesa vexetación. No seu curso vai deixando varios recodos en forma de pequenas penínsulas e algúns pozos espaciosos e profundos como os Pozos de Trapa e do Pego en Fao. Este último é un pozo moi profundo no que o río fai un xiro de case 180 º. A pesca neste río foi sempre moi abundante ata fai algúns anos que baixou radicalmente debido a contaminación e a “febre” de construcción de embalses para o aproveitamento hidroeléctrico, o que suporía unha fonte de riqueza para nós, os veciños de Touro e os demais galegos, por tratarse dunha fonte de enerxía das máis limpas, sempre e cando non se producira ese gran “escape” tanto de electricidade como de beneficios cara as capitais do centro de España. Aquí, pouco máis nos queda que a parte negativa tanto dos embalses como das liñas de alta tensión, e aínda temos sorte se non nos pasa unha liña destas por encima da casa e temos un verme de luz nas lámpadas para alumear cando comemos algo quente.

            Os dous principais afluentes do Ulla que regan as terras de Touro son o Lañas e o Brandelos. Os demais ríos do concello desembocan nestes dous. Hai outros regatos que van parar directamente ó río Ulla.

            O río Lañas nace en terras do Concello de O Pino e pasa polas parroquias de Quión, Touro,  Andeade, Cornado, Fao e Novefontes. Pola esquerda recibe o río Merés ou Beseño. Pola dereita recibe as augas do Rego de Abelenda, o Rego de Rozas, o Rego do Portaguzo que baixa de Fonte Díaz e recolle as augas da depuradora desembocando no Lañas ó lado da área recreativa da Santaia. Á altura da aldea de Bustelo (Fao) recibe algúns regatos como o do Chouso de Castelo, o do Monte Vello, o das Fonteliñas, o das Pombas e o de Cal de Figueiras. Entre as desembocaduras destes dous últimos regatos, un pouco máis abaixo do muíño das Pombas e da presa do Xastre, o río Lañas forma unha fervenza ou salto natural de varios metros de altura. Para atravesar este río hai varias pontes; en Quión está a Pontenova de recente construcción, que se fixo ó lado da que había cando se arranxou a estrada que vai de Touro á Arzúa. A un quilómetro escaso  río abaixo hai outra ponte tamén de recente construcción. Para comunicar Touro e Andeade está a Ponte Santaia, entre Fao e Cornado está a ponte da Carballa e entre Cornado e Novefontes está a ponte da Laña, esta última, sen accesos axeitados para pasar cos coches.

            O río Brandelos nace tamén no concello de O Pino, pasa por Bama, Loxo, Fontes-Rosas, Enquerentes, Prevediños e Foxás. Recibe pola esquerda o Rego de Pucheiras que baixa da aldea de Arinteiro, pasa pola ponte das Goritas e desemboca máis abaixo da  ponte de Brandelos. Pola dereita recibe o río Sar en Bama, o río do Barranco en Prevediños, o río Quintás e outros regatos de menor importancia. Entre os regatos que van parar directamente ó Ulla están o Cabrafigo e o Lavandeira que desembocan á altura de Ribeira.

            Clima

            O Concello de Touro está dentro da zona climática de tipo oceánico con temperaturas suaves, abundantes precipitacións en forma de choiva e varios días de xeadas no inverno, sobre todo nas zonas máis altas da parte norte. Acostuma a nevar algo en raras ocasións, unha ou dúas veces ó ano e non tódolos anos.

            As parroquias do sur, polas que pasa o río Ulla e a medida que imos baixando cara o suroeste do concello, teñen un clima un pouco máis benigno,  con menos xeadas e mais apropiado para o cultivo do viño e de froitas e verduras temperás.

            Para saber que tempo fará en Touro  nos vindeiros sete días piquen no seguinte enlace:  TEMPO EN TOURO PARA 7 DÍAS

      Fauna

           Non pretendemos facer un estudio científico nin minucioso da fauna que se pode atopar no Concello, iso é traballos de expertos. Dentro dos animais vertebrados nomeamos a maioría dos que se poden ver polas terras de Touro pero no que se refire ós invertebrados tan só se nomean os máis comúns, xa que hai moitas clasificacións de invertebrados e dentro destas un montón  de variedades.

           Entre os animais domésticos que se crían nas casas ou nas granxas para consumo humano ou para aproveitamento dos seus beneficios destacamos os seguintes: a vaca, o porco, a ovella, a galiña, o galo, o cabalo, o burro (xa quedan poucos), a cabra, o parrulo, o pavo, as abellas, o coello, o ganso e ultimamente estanse introducindo especies como as avestruces. Como animais de compañía temos o can, o gato, o periquiño, e algún que outro animaliño que se pode atopar nalgunhas casas. Outros animais que abundan en tódalas casas son os ratos ou as ratas que se reproducen con moita facilidade e causan graves danos nas colleitas. 

           Entre as especies de caza temos o porco bravo, a perdiz, o coello, a lebre, o raposo, o cervatiño e poucos máis.

           Entre as especies de pesca está a troita, o salmón e a anguía.

          Entre a fauna salvaxe que é menos aproveitable para o consumo humano pero que desempeña a súa función dentro do ciclo da natureza temos que diferenciar dentro dos animais vertebrados os mamíferos como: o lobo, o raposo, o porco teixo, o porco bravo, o ourizo cacho, o coello do monte, a lebre, o rato do campo, o esquío, a toupa, o morcego, o cervo, o furón, a donicela, a lontra, a marta e os visóns que ceibaron das granxasas aves como: o corvo, a pega marcha, a pega rabilonga, o merlo, o moucho, a curuxa, a perdiz, o pombo, a rula, o paspallás, a andoriña, a bubela, o paporroibo, o gorrión, o peto, o carrizo, o estorniño, o miñato e outras; réptiles como: o lagarto arnal, a lagartixa, a tartaruga, o biscáncer, as cóbregas de monte, a cóbrega de río e a tan temida víbora; anfibios como: as ras, as píntegas e os sapos.

           Dentro dos animais invertebrados destacamos os seguintes: o caracol, a lesma, o cempés, as arañas, a pulga, o piollo, o pulgón, a carracha, o escaravello das patacas, a vacaloura, a formiga, a cadela frade, o alacrán, a termite, a cascuda, o vagalume, a miñoca, a mosca, o mosquito, a xoaniña, o grilo, o saltón, o cabalo do demo, a bolboreta, o abellón, o gurgullo, a abella, a néspera, o tabán e outros moitos centos de animaliños.

              Flora

    As distintas variedades de plantas que forman a flota do Concello de Touro é similar a dos outros concellos do interior de Galicia con clima oceánico. Hai que ter en conta tamén que hai un río importante, o Ulla, que pasa polo sur do concello e a el van parar varios afluentes que regan as terras do Concello, polo que abundan tamén as árbores típicas da ribeira dos ríos.

    Entre as especies arbóreas de aproveitamento forestal temos:

·        O eucalipto, que está invadindo os nosos montes, pero que tamén se ve atacado polas pragas que lle comen as follas. Ultimamente estanse a facer repoboacións con especies máis resistentes como “o nítel”, “o peludo” e outras especies bravas de inferior calidade.

·         O carballo do país, que tamén se reproduce con facilidade en varios montes, pero que ultimamente non ten demasiada saída senón que sexa para leña de queimar ou que se trate de troncos dereitos e sen nós que se poidan serrar. O prezo que se paga por el é moi baixo. Na actualidade as plantacións que se fan desta especie, son de “carballo americano” que medra máis rápido e máis dereito.

·         O pino, tamén moi abundante, a maioría e pino do país, o que houbo toda a vida, pero agora tamén se están facendo repoboacións con outras variedades como o “pino insigne” e o de “Oregón”.

·        O castiñeiro, unha árbore que foi sempre moi prezada polos agricultores, tanto polo seu froito, as castañas, como  pola súa madeira de excelente calidade para facer mobles e tamén para “palancas” que se empregan para arma-las viñas. Ultimamente tamén está sendo atacado pola enfermidade da tinta e outras pragas.

·        O ameneiro, que se empregaba para facer zocos, “buxas” para os muíños e outros utensilios, pois ten unha madeira fácil de traballar.

·        A nogueira, menos abundante pero proporciona unha das mellores madeiras e tamén das máis cotizadas.

·        Outras especies ás que tamén se lle pode quitar rendemento para o sector forestal, son o bidueiro, a cerdeira, a abeleira, a sobreira, o freixo, o loureiro, o salgueiro e outras de escaso interese para o sector da madeira.

         Entre as árbores típicas de ribeira, que se atopan preto dos ríos temos que destacar: o ameneiro, o bidueiro, o salgueiro, o carballo, o loureiro, o freixo, o sabugueiro, o sanguiño, o chopo, a cerdeira silvestre, a ameixeira brava  e algunha variedade de acacias.

         Entre as especies herbáceas e arbustivas que podemos atopar nos montes e nos campos mencionamos as seguintes: toxo, silva, xesta, codeso, mimosa, espiño, fieito, xunco, queiroa, acibro, “picamulo”, buxo, hedra, cardo, dente de león, abrótega, labaza, manzanilla, abruñeiro, espadana, lingua de ovella, mentraste, nichela, raigrás, pé de lobo, romeu, ruda, estalote, mexacán, papoula, malva, soaxe, violeta, fiúncho, quitamerendas, couselo, correola, pampillo, millá, trevo, e multitude de herbas e flores sivestres.

     Entre as árbores froiteiras destacamos as seguintes: maceira, cerdeira, pexegueiro, nogueira, ameixeira, marmeleiro, figueira, pereira, feixoa, framboeseiro e nas zonas máis abrigosas hai limoeiros, abeleiras, oliveiras, laranxeiras, mandarinos, pomeleiros, kiwis e distintas clases de videiras que na ribeira do Ulla producen viños de boa calidade. Hai que lembrar que a parroquia de Bendaña está incluída na denominación de orixe “Rías Baixas”.

       Os cereais que se producen son os seguintes: trigo, millo, centeo e avea. Estes dous últimos tamén se sementan para os animais e recóllense canda aínda os talos están tenros en forma de alcacén e aveas. Como alimento para os animais, tamén se cultiva remolacha, nabos, melóns, coles, cabazos e outras especies.

        Por último hai que mencionar que hai unha grande variedade de  productos hortícolas  que se cultivan para o consumo humano, entre os que destacamos os seguintes: patacas, fabas, xudías, chícharos, tirabeques, repolo, coliflor,coles de Bruselas, espinacas, nabo de mesa, grelos de nabo, nabizas, remolacha de mesa, cenorias, melóns, cabazas, calabacín, berenxenas, tomates, leituga, escarola, cebolas, porros, perexil, allos, feixóns, pementos, millo de mesa, fresas, fresóns, amorodos, etc. Dentro de cada cultivo hai distintas variedades.

            Comunicacións

            A estrada principal que cruza o concello de Oeste a Leste é a comarcal AC240 que vai de Arzúa a Ponte Ulla. O tramo que vai dende Fonte Díaz e enlaza en Burres coa estrada nacional de Lugo a Santiago foi arranxado recentemente e a pesar das curvas que lle quedaron, permite unha circulación fluída sen que se desfagan os coches como ocurre no tramo de Fonte Díaz a Ponte Ulla que se atopa nun estado calamitoso, tanto de trazado como de firme e xa leva así dende sempre mentres que noutros lugares, a Administración está a facer  grandes autopistas,  autovías, viaductos, túneles e outros despilfarros.

            Unha estrada local comunica as parroquias da marxe do Ulla coas demais, é a que vai de Vilar a Merés. Outra estrada que pasa por Quión, vai dende o empalme de Santa Irene na estrada Santiago - Lugo e comunícase co Concello de Vila de Cruces (Pontevedra) atravesando o río Ulla polo embalse de Portodemouros, ou pola antiga Ponte San Xusto que está un pouco máis abaixo do embalse. Pola parroquia de Vilar pasa a estrada que vai dende Ponteledesma a Santiago.

            A capital do municipio está ben comunicada, tanto con Santiago de Compostela coma co resto das parroquias, existindo un amplo entramado de pistas que aínda que sexan estreitas e cun trazado sinuoso deixan ben comunicadas tódalas parroquias e aldeas do Concello.

            Existen dúas pontes sobre o río Ulla que comunican as terras do Concello de Touro coas de Vila de Cruces na provincia de Pontevedra. En Novefontes está a Ponte Basebe pola que pasa o chamado “Camiño Real” que vai desde Fonte Díaz e pasa pola parte máis elevada da parroquia de Fao. O outro enlace de comunicación, preto da parroquia de Ribeira é a Ponte Remesquide que comunica con Santo Tomé de Obra (Vila de Cruces).

            Hai algúns autobuses de liña que van diariamente a Santiago de Compostela. Nesta cidade hai estación de autobuses, de tren e tamén o aeroporto internacional da Labacolla.

            Sería de grande utilidade que houbera algún autobús ou microbús entre as distintas parroquias e a capital do Concello. Deste xeito, a xente maior tería máis facilidades para acudir ó Centro de Saúde, facer compras ou facer otro tipo de xestións. Hai servicio de autobuses para a feira do día cinco e os autobuses do transporte escolar tamén poden levar algunhas persoas por un módico precio, se é que teñen asientos libres.

 

            Historia

            Non se coñecen demasiadas referencias sobre a historia do Concello de Touro. Que se saiba, non foi escenario de batallas históricas, nin que houbera palacios importantes onde viviran reis ou persoeiros ilustres, nin conventos ou castelos feudais, nin outros acontecementos importantes que fagan de Touro un nome histórico.

            A actual división deste Concello en 19 parroquias non foi sempre así. Antigamente, estas parroquias estaban repartidas en cinco xurisdiccións: Bendaña, Bendaña do Marqués, Budiño, Cira e Xiro da Rocha. Había dous municipios: o de Touro e o de San Miguel de Vilar, pertencentes ó partido xudicial de Sar.

            Por outro lado, a capital municipal non estivo sempre en Fonte Díaz, xa que ten estado no lugar de Soutullo (parroquia de Fao).

 

            Recursos económicos e vida social

            Para coñecer polo miúdo tódolos datos estadísticos de poboación, agricultura, gandería, etc. do concello de Touro piquen no seguinte enlace: Datos estadísticos do Concello de Touro

    O sector agrícola e gandeiro que en tempos pasados ten sido o principal e case o único sustento da maioría das familias, nos últimos anos e debido sobre todo a crise destes sectores, as cousas cambiaron radicalmente, sendo escasas as explotacións gandeiras ou agrícolas que quedan en cada parroquia, polo moito traballo e o escaso rendemento das mesmas. A entrada de España na Comunidade Económica Europea limitou dun xeito drástico a producción de carne e leite en Galicia, sen falar xa dos outros productos do campo. En compensación recibíronse e estanse a recibir axudas europeas, pero estas axudas non se souberon xestionar  ben de cara ó futuro e agora non se ven  os resultados que se esperaban das mesmas. Non todos se beneficiaron do mesmo xeito, algunhas axudas perdéronse polo camiño e outras tan só serviron para encher algúns petos.  A única solución que lles queda ás persoas que queiran seguir traballando nesta profesión, é asociarse en cooperativas para reducir gastos na compra de maquinaria e facer granxas máis modernas que lles faciliten o traballo e poidan levar unha vida máis digna. A maioría dos que antes eran agricultores, son agora persoas xubiladas que viven das pensións. Os productos que recollen do campo son para o consumo diario da casa e dos poucos animais domésticos que lles quedan (porcos, galiñas, ovellas, coellos, etc.). Aínda que non lles quiten demasiado rendemento a todo iso, axudan ó mantemento da economía familiar sen ter que pasar tanto polo supermercado.

 

    Queixerías: Na aldea de Murgás (parroquia de Turces) e en Bama hai sendas queixerías que elaboran queixos de excelente sabor, coa denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Ademais, a queixería de Murgás funciona como queixería-escola á que acoden os nenos dos colexios e xente maior que o desexe para participar na elaboración dos queixos e noutras actividades relacionadas cos queixos.

Un sector importante que en principio se pensaba que podía ser unha saída  e fonte de recursos para os labregos que tiveron que deixar de traballar nas explotacións agrícolas e gandeiras, é o sector forestal,  pero este tamén está atravesando unha forte crise debido á chegada de madeiras doutros países e o monopolio das fábricas madeireiras, o que provoca que se teña que vende-la madeira a un prezo moi baixo e os serradoiros que había no concello tamén teñan que modernizarse ou cerrar, sómente subsisten os máis grandes. No concello de Touro seguen a traballar os serradoiros de Vilar, Bama, Andeade e un en Turces. Tamén hai outros madeiristas que ofrecen algúns postos de traballo para cortar e quitar madeira dos montes. Outro gran inimigo do monte son as pragas de insectos que devoran as árbores, e tamén o lume, provocado por algúns desalmados que non se sabe quen son, nin o que pretenden.

            Outro sector que tamén entrou en crise é o téxtil. Foron varias as cooperativas que se formaron, construíronse ou alugáronse locais, mercáronse custosas máquinas de coser e todo ¿para qué? Para que agora deixen invadi-lo mercado de roupa de inferior calidade procedente da China e doutros países ou que o monopolio do téxtil sexa dunhas cantas empresas que mandan as prendas para que llelas cosan en países con man de obra barata.

            Como no Concello de Touro non hai grandes empresas nin fábricas que dean emprego, a xente ten que desprazarse a Santiago e outros lugares para buscar traballo.

            O sector da construcción é o que atravesa un gran momento e polo tanto o que ofrece máis postos de traballo. No concello hai moitos albaneis, carpinteiros, fontaneiros, electricistas, escaiolistas, pintores, etc. Algúns traballan para pequenas empresas e outros por conta propia.

            Outro sector importante foi o da mineiría. Foron as explotacións mineiras de Río Tinto as que ofreceron emprego a moita xente deste concello o que permitiu que varias familias saíran da miseria en que vivían. Tamén o núcleo de Fonte Díaz, capital municipal, adquiriu un pulo importante. O problema é que as minas deixaron de ser rendibles e tiveron que pechar. De todos xeitos os que aquí traballaron están cobrando unha boa pensión e outros recibiron unha boa liquidación.   Agora é unha empresa privada a que mercou esas explotacións, onde se trituran as rochas que se empregan para facer distintos tipos de gravas coas que se fai formigón e se asfaltan estradas e pistas forestais. Nestes terreos queda material contaminante xerado polos propios residuos da mina e polo vertedoiro de lixo que aquí se fixo. Aínda que se intenta o repoboamento da zona con especies forestais e incluso con productos agrícolas e algúns animais, ó mesmo tempo seguen a chegar camións cargados de residuos de sospeitosa procedencia que se estenden polos terreos da antiga mina en forma de esterco que se enche de moscas "ponzoñosas" que xunto coa queima do lixo do vertedoiro, desprende un cheiro desagradable para os veciños de Loxo e Touro que viven nas aldeas que están preto da mina.

 

Recentemente abriu unha residencia de persoas da terceira idade, a residencia "Os Tercios", que conta con máis de medio cento de prazas para maiores. Tamén da traballo a algunhas  mulleres da zona.

Hai outras persoas que pretenden saír adiante abrindo pequenas tendas, montando bares ou locais tipo discoteca para a “movida” do fin de  semana, outros traballando para o Concello, en fin cada quen ten que buscarse a vida como pode, pero case sempre na Capital de Galicia ou noutros lugares  fora do municipio.

 No núcleo urbano de Fonte Díaz é onde se desenvolve a  maior parte da actividade social, económica, cultural, educativa e sanitaria de todo o Concello, xa que é aquí onde se concentran a maior parte  dos servicios tanto públicos como privados. É aquí onde se atopa a Casa do Concello, na que están tamén o Xulgado de Paz, oficina de correos, biblioteca e outros servicios. Conta cun Colexio Público Integrado, no que se imparten os niveis de Educación Infantil, Primaria e Secundaria obrigatoria. Tamén hai en Fonte Díaz un Centro de Saúde de atención primaria que conta con dous médicos, enfermeira, comadroa e administrativa. Hai dúas entidades bancarias (Caixa Galicia e Banco Galego), Cuartel da Garda Civil, dúas farmacias, tres supermercados nos que se atopan toda clase de alimentos, librería, quiosco, estanco, seguros, talleres de arranxar coches, tendas de mobles, zapaterías, tenda de deportes, carpinterías, tendas de roupa, panaderías, tenda de fotografía, perito agrícola, perruquerías, administración de loterías, electrodomésticos, electricistas, taxistas, clínica dental, tendas de productos agrícolas, veterinarios e outros servicios.

Caza e pesca. Hai algo de pesca no río Ulla o nos seus principais afluentes que baixan polas distintas parroquias. Péscanse troitas, anguías, algún que outro salmón, e máis peixes que se collerían se non fora polos encoros que se están construindo no río Ulla e polos verquidos que van parar ós ríos; augas residuais sen depurar, herbicidas, restos de xurros e escapes contaminantes do que antes eran as minas de Río Tinto. Hai tamén algo de caza; cázanse coellos e perdices, pero o máis perseguido polos cazadores é o xabarín , xa que hai bastantes animais desta especie e causan graves danos nas fincas agrícolas. Para paliar os danos producidos polo xabarín, os agricultores e gandeiros profesionais que obteñan polo menos un 50% das súas rendas  das actividades agrarias, poden solicitar axudas, sempre que o importe do dano estea comprendido entre un mínimo de 120 euros e un máximo de 1200 euros. Como dato orientativo, para millo de gran, o importe será de 13 céntimos de euro por metro cadrado de terra. Para máis información hai que ir a Orde do 1 de agosto de 2006 da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible publicada no DOGA o día 8 de agosto de 2006.

 

 Feiras

Recentemente e despois de moitos anos pechada, pola proximidade da feira de Arzúa (8 e 22 de cada mes), o Concello de Touro decidiu impulsar de novo a feira que anos atrás xa se viña celebrando en Fonte Díaz o día 5 de cada mes e para iso hai servicio de autobuses que fan o mesmo percorrido que o transporte escolar. Tendo en conta tamén que non hai autobuses  para a feira de Arzúa, son moitas as persoas maiores e non tan maiores que acoden a Touro o día 5 para mercar, vender, come-lo polbo ou botar unha parrafada cos amigos.

Outras feiras ou “mercadillos” máis próximos a Touro, son a feira de Arzúa, Melide, Santiago de Compostela, Padrón, Ordes, Bandeira, Silleda e outras moitas que se celebran en todo o territorio galego.

Antigamente tamén había feira en Prevediños o día catro e en Brandelos o día 6. Tamén na parroquia de Cebreiro (Concello de O Pino) había feira o día 20 de cada mes á que acudía moita xente de Touro.

 

 

    

    Festas

 

 Aparte das festas patronais que se celebran en cada parroquia, existen outras festas tradicionais ás que acoden persoas de todo o concello, entre as que temos que mencionar as seguintes:   Festas do Entroido cos típicos “Xenerais do Ulla” que se teñen celebrado en distintas parroquias; Bama, Novefontes, Cornado e Touro, pero é na parroquia de Santa Uxía de Fao onde se fan as mascaradas máis enxebres e con bastante éxito. O martes de carnaval, pola tarde,  xúntase a xente de tódalas parroquias dos arredores para ve-los Xenerais, os “vellos”, a parranda ("rumba da Susita"), a sonada banda do Entroido, o discurso do Alcalde, o sermón dos frades e o enterro do Santo Entroido. Fálase máis desta festa no apartado adicado á parroquia de Fao ou na seguinte páxina web. https://xeneraisdoulla.iespana.es Aquí tamén atoparán imaxes das tradicionais máscaras de Fao.

San Xorxe en Novefontes, que antes era a primeira festa de romaría á que acudían os romeiros doutras parroquias que levaban unllas e outros manxares do porco que se poxaban para ofertárllelas ó Santo.

San Cidre en Bama,  faise nunha capela restaurada que hai ó norte da parroquia a mediados de Agosto.

Santa Isabel de Bendaña, que se celebra o 1º sábado de xullo. Tamén se celebra a Santa Isabel en Beseño, nunha capela situada nunha das partes máis elevadas do concello, no medio dunha carballeira. Nesta mesma parroquia está tamén unha antiga capela xunto a un cruceiro na que tamén se fai romaría, o 1º domingo de agosto, falamos da capela de Augasantas.

Coto de Loxo, que se celebra nunha capela que hai na base do Coto de San Sebastián, e na honra deste santo faise o chamado “Coto Grande” o primeiro domingo de Xullo e o “Coto Pequeno” o segundo domingo do mesmo mes.

Festa do Carme en Touro, o día 16 de xullo.

Festa do Carme en Fao, o sábado seguinte ó 16 de xullo.

Festa da Santa Cristina en Foxás, nunha capela que hai na aldea de Obra, que se celebra o 24 de xullo.

Festa do Socorro, preto da capela do Socorro en Prevediños.

Festa do San Breixo, que se celebra o segundo domingo de outubro xunto a Igrexa Parroquial de Foxás. Ten sido e aínda sigue  sendo a festa de campo mais importante de todo o concello de Touro. Antes do “delito ecolóxico” que foi a corta de carballos centenarios para face-lo novo campo da festa libre de obstáculos pero tamén de sombras, eran moitas as familias dos arredores que levaban a comida para xantar debaixo deles ou come-lo polbo e probar xa, o primeiro viño novo. Antes había romeiros tódolos domingos de outubro.

Nas distintas parroquias hai outras festas importantes que se mencionan no apartado dedicado a cada parroquia (MENÚ PARROQUIAS). Algunhas delas cámbianas de día para facelas coincidir co fin de semana.

 Por outra banda o Concello organiza outras festas tamén de importancia: festa da terceira idade que se fai no verán, cada ano nunha parroquia distinta e na que se reúnen tódalas persoas maiores de todo o Concello que o desexan. Despois de asistir á misa non falta a banda de música, gaiteiros, coros e por suposto unha boa comida campestre que por se fora pouco é gratuíta. Tamén se organizan actos festivos polo Nadal, carnaval, festa da mocidade, excursións, etc.

 

Monumentos e restos arqueolóxicos

Non hai monumentos nin restos arqueolóxicos importantes que fagan do municipio de Touro un lugar de referencia. Os únicos monumentos son as igrexas parroquiais, algunhas capelas, algúns cruceiros, algúns pazos, muíños, presas sobre ríos para regar ou coller peixes, ouriceiras, algún castro celta, algunhas casas restauradas para turismo rural e pouco máis que mencionar. Hai antigas vivendas familiares de pedra, algunhas ben conservadas e restauradas  e outras en total estado de abandono, provocando un desagradable "feísmo rural". Outros prefiren facer modernos chalets  ou casas moi chamativas pindadas de coloríns que non encaixan na estética ambiental do seu contorno. Tiña que haber unhas normas claras que evitaran dalgún xeito o mal gusto pola estética dentro do entorno onde se constrúe.

Entre as igrexas parroquiais hai que destacar a igrexa parroquial de Santa María de Loxo, a de San Fiz de Quión e a de San Breixo de Foxás. Esta última ten sido famosa polas fortes badaladas da súa campá que tiña acoplado un mecanismo de reloxería que lle facía tocar a tódalas horas, medindo o tempo dos paisanos da zona que aínda non tiñan reloxo. Hai outras parroquiais bonitas e ben restauradas, algunhas co campanario en forma de torre e outras co campanario en espadana como a de Santa Uxía de Fao. Hai que destacar como anécdota que todo o conxunto do campanario da igrexa de Fao sofre unha forte inclinación cara o exterior desafiando as leis do equilibrio.

Entre as capelas temos que a parroquia de Prevediños é a parroquia que máis capelas ten, pois contamos ata  cinco capelas máis a igrexa parroquial. Temos a do Socorro, xunto a estrada comarcal AC240 no centro da parroquia,  dúas en Brandelos unha antiga recentemente restaurada e ó lado desta outra construída por un veciño, adicada á Concepción, outra na aldea de Noaio adicada á Purificación e tamén está a do Pazo de Mince. Na parroquia de Foxás temos a de Santa Cristina na aldea de Obra e a de San Xosé na aldea de Grixó. En Bama está a de San Cidre. En Loxo está a de San Sebastián onde se celebra a romaría do Coto. En Beseño están as de Augasantas e a de Santa Isabel no medio dunha carballeira. Despois temos as capelas particulares de cada pazo; a do Pazo de Andeade (casa de turismo rural), a do Pazo de Rosende en Calvos, a do Pazo de San Cristovo en Fao, a do Pazo de Lobagueiras en Bendaña e a que se mencionou anteriormente do Pazo de Mince en Prevediños.

       Entre os cruceiros máis importantes hai que destacar o de Santa María de Loxo, o de San Xoán de Touro, o do Pazo de Andeade e o de San Miguel Vilar. Tamén hai cruceiros en Beseño xunto a capela de Augasantas e no cemiterio xunto a igrexa parroquial, en Turces, Circes, Calvos (hai un preto da igrexa e outro no pazo de Rosende), Cornado, Andeade, Quión, Novefontes, Foxás, Prevediños, Bama, Bendaña (na Casa de Lobagueiras) e poida que quede algún máis sen mencionar.

  Entre os pazos hai que destacar o Pazo de Andeade ou Casa Grande de Andeade, recentemente restaurado e reconvertido en Casa de Turismo Rural. Este pazo conta con tódolas dependencias típicas dun pazo. Ten capela, escudo, pombal, un antigo e bonito cruceiro, hórreo, fonte decorativa, lavadoiro, amplos xardíns e unha entrada principal franqueada por dúas filas de plataneiros. En Calvos está o Pazo de Rosende tamén recentemente restaurado para residencia privada. En Cornado está o Pazo de Dioño, tamén bastante ben conservado. En Prevediños está no medio da aldea o Pazo de Mince tamén restaurado para residencia privada. En Bendaña está a casa ou Pazo de Lobagueiras,  ben arranxado, onde pasan as vacacións os actuais propietarios. En Fao, un pouco afastado do resto da parroquia, xunto o río Ulla, está o Pazo de San Cristovo, en estado de abandono pero que en tempos pasados, foron varias as familias de alta "fidalguía", as que o posuíron. Conta con bastantes terras que no seu día produciron productos agrícolas de excelente calidade.Tamén hai que mencionar que na aldea de Pena (Fao) hai unha casa en estado de abandono que lle chamaban  "A Casa da Illoa". Na fachada desta casa ainda está o escudo coas armas dos antigos propietarios, o que nos indica a súa importancia en tempos pasados. Nesta casa recollíanse as rendas de varios veciños da parroquia. Hai quen di que na parroquia de Fao tamén houbo en tempos pasados unha casa con escudo de armas que lle chamaban a Casa dos Becerra ou dos Ferreiros. Para máis información vaian a seguinte páxina:

https://www.xenealoxia.org/modules.php?name=Forums&file=viewtopic&t=2692&highlight=fao

Menú

Como en toda a xeografía do noroeste peninsular, no Concello de Touro, tamén existiron castros en varias parroquias que foron desaparecendo debido a acción do home. Hai varios lugares do Concello que conservan o nome de "o castro".  Entre os castros hai que resaltar a Croa do Castro en Santa Uxía de Fao, antigo castro celta aínda ben conservado, no que teñen fincas forestais varios propietarios. Deste castro fálase no espazo dedicado á parroquia de Fao.Tamén houbo castros en Prevediños, Foxás e noutras parroquias do Concello.

No que a vías ou calzadas romanas se refire fagamos unha breve reflexión histórica de como foron evolucionando os camiños dende os primeiros primitivos. No período Paleolítico cando a xente se alimentaba de froitos silvestres e  da carne dos animais que cazaba, os camiños eran naturais xa que ían seguindo os desprazamentos dos animais para poder cazar e ter alimento, polo tanto no existían camiños feitos a man. No período Neolítico os primitivos inventan a agricultura e xa comezan a domesticar animais, esto da lugar ós primeiros asentamentos ou poboados e polo tanto é de supoñer que xa  se vaian formando os primeiros camiños para relacionarse coas demais aldeas. Máis adiante, coa chegada dos celtas a Galicia, comeza un longo período que vai dende a Idade do Ferro ata os primeiros séculos despois de Cristo. Os celtas tráennos a cultura castrexa, vanse construíndo os castros que son asentamentos humanos que se facían en lugares altos, onde era máis fácil a súa defensa e ó mesmo tempo controlaban os camiños que os comunicaban. En Fao temos a Croa do Castro, castro ainda ben conservado, tamén houbo asentamentos celtas en Prevediños, Foxás e noutras parroquias do Concello, e polo xeral en moitos outros lugares de Galicia que conservan o topónimo “castro”, tamén houbo asentamentos celtas aínda que na actualidade se atopen desfeitos, na súa maioría pola acción do home. Despois dos celtas, chegan os romanos a Galicia, pero iso non supuxo a destrucción inmediata da cultura castrexa, seguíronse conservando a maioría dos castros e reforzáronse as comunicacións construíndo vías romanas empedradas sobre os camiños existentes e para acurtar distancias, os enxeñeiros romanos levantaron grandes pontes sobre os ríos, pontes que se conservaron intactas ó longo dos séculos. Igual que na actualidade, que hai autovías, estradas primarias, camiños de terra, etc., tamén había vías romanas de varios anchos e categorías dependendo do uso que se lle dera; moitos eran camiños de caracter militar para o paso das lexións romanas, outros eran rutas de transporte (a ruta da sal, do aceite, da prata, etc..).

          Resumindo, sobre os camiños prerromanos fixéronse calzadas romanas e sobre estas construíronse os camiños medievais e reais e aínda hoxe en día hai moitas estradas que seguen conservando o mesmo trazado.

         Tódolos estudios e libros que se foron escribindo nos últimos anos sobre as antigas comunicacións en Galicia  parten de escritos antigos como “os itinerarios de Antonino”, Ptolomeo, o “Anónimo de Ravena”, das “Táboas de Barro de Astorga”, dos miliarios que foron aparecendo, da toponimia existente (Castro, Rúa, Corredoira, Revolta, Lousada ou Lousarela, Pedreira, Vieiro, Mámoa, etc.). Os miliarios eran postes de pedra, cilíndricos, con base cadrada que se poñían ó lado das vías romanas e que tiñan inscricións sobre o tipo de vía, o nome do emperador romano e outros datos. A aparición dalgúns destes miliarios indica a existencia dalgunha calzada. Para descanso dos camiñantes, ó lado dos camiños había poboados e grandes mansións.

        Parte do itinerario de Antonino, “Tria – Assegonia - Brevis”, é o que pode estar máis vinculado ós asentamentos castrexos que había no que hoxe é o Concello de Touro, entre eles “A Croa do Castro” de Fao. Tria, o primeiro dos tres puntos do itinerario de Antonino, estaba situado cerca de Padrón, concretamente, moitos sitúano no que hoxe é Iria Flavia. O segundo punto Assegonia estaría situado preto de Santiago, varios investigadores sitúano no Concello de Boqueixón pola aparición dun miliario. O terceiro punto, Brevis, parece estar situado nas proximidades de Melide e despois seguiría a vía ata chegar a Lucus (Lugo). O certo é que os investigadores coinciden en algunhas cousas pero non coinciden nos mesmos trazados.        

     Un dos itinerarios romanos que atravesan o Concello é o que sinala G. Arias Bonet no libro “Los caminos del duumviro Lépidus y otras vías romanas. Vía de Lucus a Iria”. Este investigador sitúa a mansión romana de Pria que aparece nas Tablas de barro de Astorga, nun lugar de San Miguel de Moreira en Cuntis e dende aquí traza un camiño que vai costeando o río Ulla pola parte de Pontevedra ata poder atravesalo pola Ponte Basebe, despois seguiría por Novefontes e posiblemente atravesara o río Lañas pola Ponte Carballa, seguiría por Cornado e Turces ata chegar o monte do Viso en Dombodán onde hai unha capela e tamén había un antigo hospital de peregrinos. Neste monte situaría Assegonia.

        O doutor en Historia, Benito Sáez Taboada que escribiu a obra titulada “Las comunicaciones romanas en la provincia de A Coruña” editada por Laverde Ediciones,S.L. e que me serviu de referencia para escribir este apartado, sitúa a Assegonia ou Aixón na parroquia de Sergude (Concello de Boqueixón) e dende aquí traza unha ruta por entre os montes de A Pedreira e Vilaboa ata Corneda, seguiría próxima ós castros da Moura, Barreiros e Prevediños, a continuación seguiría por Noaio e Castro ata chegar a capela do monte San Sebastián en Loxo, despois seguiría máis ou menos polo trazado da actual estrada comarcal de Ponte Ulla a Burres e por Arzúa ata Melide.

        Meditando a fondo, o feito de que cada investigador trace o seu propio camiño para xuntar varios poboados ou mansións, aparte das coincidencias que poidan existir, entra dentro dunha lóxica razoable que houbera varias alternativas, xa que había vías principais, secundarias e outras de enlace, “tódolos camiños levan a Roma”.

 

Falando de muíños, outro tipo de arquitectura popular e que xogaban un papel importante dentro da economía familiar, hai que dicir que a principios do século XX había en funcionamento máis de cincuenta muíños de auga que na actualidade deixaron de moer e, algúns deles, foron restaurados recentemente, para gardar no noso recordo. Entre estes están os muíños da Santaia, os da Carballa en Bustelo (Fao), o muíño de Rozas, o muíño de Rilo en Calvos, o de Merés e o de Loxo.

Xunto cos muíños tamén se aproveitaba a forza da auga para facer mover trillos, moas de afiar, dínamos para producir electricidade e outros mecanismos. Os trillos empregábanse para trillar o liño, que era unha parte lo longo proceso da transformación do liño ata convertilo en teas para facer mantas con anacos de trapos ou sabas de estopa que eran dun tacto bastante rugoso (así xa non había que rascarse na cama). Para facer sabas máis delicadas xunto con algunhas prendas de vestir empregábase o liño fino que era o último producto e o máis selecto do liño.

Tamén eran importantes para o sustento das familias as típicas “ouriceiras”, pequenos recintos circulares, cerrados con muros de pedra, nos que se gardaban os ourizos cando se sacudían os castiñeiros.

Entre as casas de turismo rural, existen na actualidade tres casas restauradas do Concello de Touro que prestan este tipo de servicios. Está o Pazo ou Casa Grande de Andeade“Casa A Pena de Augasantas” en Beseño e Casa Míguez en Laña (Quión).

Educación, cultura e ocio

Na capital municipal está o CPI de Fonte Díaz (Centro Público Integrado) no que se imparte o 2º ciclo de Educación Infantil (3 – 6 anos), os tres ciclos de Educación Primaria (6 – 12 anos) e a Educación Secundaria Obrigatoria (12 – 16 años).                             

As antigas escolas unitarias, que había en case tódalas parroquias e que eran o único foco cultural da parroquia, foron cerrando as súas portas por falta de alumnos e tamén polas macro concentracións en colexios maiores que contan con máis recursos pero tamén con algúns inconvintes debido a masificación.

Nun lugar destacado temos a Banda "Isabel II" de Touro,  banda de música municipal, que a pesares de ter poucos anos de andadura, grazas ó sacrificio dos rapaces e músicos xa máis veteranos que a compoñen, xa comezan a levar o nome de Touro polas moitas festas e romarías da nosa terra, facendo que a música de banda tradicional, máis auténtica e natural,  volva a soar de novo nas procesións e concertos.

No edificio do Concello hai biblioteca municipal, emisora de radio, organízanse cursos e varios talleres. Tamén se fan actos festivos polo Nadal, carnaval, festa da mocidade, excursións, Letras  Galegas, etc.

Para ter información máis detallada das obras que realiza e das actividades que organiza o Concello, consulten a revista anual que edita o Concello de Touro.

      Para a xente máis nova hai que destacar a movida do fin de semana, que atrae a moita xente dos concellos limítrofes. Hai que resaltar a sala de festas DONA DANA, unha das mellores salas de Galicia, á que acudían miles de persoas de todas partes, xa que tódolos venres se facía aquí o programa LUAR da TVGA (agora faise desde  O Montouto), despois o sábado e domingo funciona como discoteca. Tamén hai que mencionar a reformada discoteca O BARRANCO e outros moitos pubs e bares que abren o fin de semana, aparte dos que abren diariamente,  que son varios.

  Instalacións deportivas

Ademáis das propias instalacións deportivas do CPI de Fonte Díaz, xunto a este colexio está o pavillón polideportivo municipal que ademáis conta cun ximnasio que abre polas tardes. Tamén na capital do municipio hai unha piscina deportiva municipal que conta con varios servicios e ten pistas nas que se pode xogar ó tenis, fútbol sala, balonmán e algún que outro deporte. Hai  campos de fútbol en algunhas parroquias pero o máis importante por tamaño (medidas regulamentarias) e por instalacións, é o de Loxo. Tamén hai pequenas pistas polideportivas nas que se pode xogar ó baloncesto e fútbol sala en Vilar, Quión, Prevediños, Fao, Andeade, Turces, Beseño e outras parroquias.

As instalacións deportivas non son demasiadas, pero as que hai tampouco están demasiado saturadas de xente practicando deporte, porque a xuventude "moderna" ten pouco espíritu de sacrificio e prefire practicar outro tipo de "deportes" máis sedentarios de rebelación contra o poder establecido; o deporte da tele, o deporte dos xogos informáticos, o deporte das pandillas, o deporte do derrape con coches e motos, o deporte da movida, e a cultura do botellón, entre outros.

Para fomentar un pouco máis o deporte e para ocupar e estimular o tempo libre dos nosos xoves, sería preciso organizar campeonatos de distintos deportes e contratar máis monitores e animadores socio-culturais doutras actividades, concienciando tamén ós pais para que se interesen máis na correcta formación dos fillos. O Concello deberá intentar que nas actividades culturais que organiza, participen o maior número de veciños posible de tódalas parroquias.

 

           Asociacións

Asociación Benéfica Renacer de Loxo. Rehabilitación e asistencia a drogadictos.

Asociación de Amas de Casa de Touro.

Asociación de veciños San Vicente de Bama.

Asociación de veciños “O Solpor” de As Quintás (Enquerentes).

Asociación de veciños “A Encrucillada” de Vilar.

Asociación de veciños de Beseño.

Escudiría “Touro Competición”.

Corporación municipal (2007)

A Corporación Municipal do Concello de Touro saída das eleccións locais do 20 de maio do ano 2011 quedou formada unha vez máis dun xeito semellante á das eleccións do ano 2007 e 2003. Foron elixidos oito concelleiros do PP, dous concelleiros do  BNGA e un concelleiro do PSG_PSOE.

PARTIDO POPULAR

 Ignacio Codesido Barreiro (Alcalde)

Eugenio Elisardo Montero Valiño (Portavoz)

María Josefa Codesido Barreiro

Adela Isabel Iglesias Tojo

Jesús Martínez Pereira

Raúl M. Míguez López

Mnuel Puga García

Alfredo Souto Castelo 

            BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

José María Vilas Raviña (Portavoz)

Almudena Del Mar Castro Quintás 

            PARTIDO SOCIALISTA DE GALICIA - PSOE

José Luis Simón Neira
 

Sanidade

Consultorio médico municipal da SS. Situado en Fonte Díaz (Touro). Conta con dous médicos, enfermeira, comadroa e administrativa.

Clínica dental “Padrón”. Situada na Avda.. de Castelao, Fonte Díaz (Touro).

Manuel Fajardo. Médico de Medicina Xeral. Antes estaba no Empalme de Vilar e agora en Camporrapado (Boqueixón).

Tamén hai que mencionar o Sanatorio de Prevediños, centro médico de  referencia ó que acudían pacientes das parroquias de Touro e doutros concellos. Neste centro médico privado téñense practicado intervencións cirúrxicas, pero na actualidade atópase pechado polo recente falecemento do seu propietario, o doutor D. Adolfo Reimóndez Portela.

As  dúas farmacias que hai no concello teñen a súa sede tamén en Fonte Díaz.

Para informarse ben, solicita-la Tarxeta Sanitaria, pedir cita, etc. poden visita-la PÁXINA WEB DO SERGAS.  Dende esta páxina web tamén se pode acceder ó CHUS (COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA), con información dos hospitais de Santiago.

 

    Rutas de sendeirismo              

 

      Ruta dos tres ríos: da Santaia á Ponte Basebe.

     Esta primeira ruta arranca da Área Recreativa da Santaia, xunto a un muíño restaurado, segue pola marxe dereita do río Lañas,  preto da aldea de Bustelo, pasa polos muíños da Carballa que foron restaurados recentemente e ó chegar á Ponte da Carballa, cruza para a outra marxe do río Lañas e segue polos montes de Cornado. Un pouco máis abaixo do muíño das Pombas e da presa do Xastre pasa xunto a un espectacular salto natural do río, no que se pode observa-la forza erosiva da auga que durante miles de anos foi desgastando as rochas e formando ocos redondeados polos que a auga baixa con forza formando figuras caprichosas ó ser fotografada, como se pode observar na imaxe da dereita. ¡Ben puidera ser refuxio de trasnos e pantasmas! ¡Ou testemuña de crimes ou suicidios espantosos!. Seguindo un pouco máis, pasamos por diante da casa do Xastre e desvíase un pouco do curso do río ata chegar a unha ponte sobre o río Beseño dende a que se ve a igrexa de Santiso de Cornado. Baixamos a carón deste río ata a súa desembocadura no río Lañas, seguimos ata a ponte da Laña, cruzamos o Lañas para a outra marxe, e xa na parroquia de Novefontes seguimos pola súa beira dereita ata a súa desembocadura no río Ulla. Seguindo un pouco máis está a Ponte Basebe que é onde remata esta ruta de aproximadamente 10 Kilómetros que se pode facer en menos de catro horas. Levando un calzado apropiado non presenta maiores dificultades agás ter que subir e baixar algúns desniveis.

   Ruta da Ribeira do Ulla: da Ponte Basebe a Ribeira polo Pozo do Pego (homologada)

        Nesta segunda ruta percórrense os montes de Novefontes e Fao, ó lado do Ulla, nunha boa parte do seu traxecto. A ruta comeza na Ponte Basebe, pola marxe dereita do río Ulla, atravesa a carballeira de Basebe, segue pola beira do río ata chegar a unha presa, aquí hai que coller un carreiro a dereita e deixa-lo curso do río para seguir por un espeso e impoñente bosque de plantas autóctonas, ata chegar a un cruce de camiños, onde temos que coller monte abaixo e chegar de novo á marxe do río por donde seguiremos un longo traxecto que nos levará á fervenza  do Inferniño, fervenza que forma o regato Liñares entre as parroquias de Fao e Novefontes. Na cima desta fervenza hai un muíño aínda ben conservado. Desde a fervenza hai que seguir por un carreiro apartado do Ulla e que pasando por Quintas, cerca da casa do Malagueño, segue polos montes de Fao ata  meterse de novo pola beira do río, cerca do pozo de Trapa. Antes de chegar a este lugar, podemos observar preto do camiño os restos de recintos circulares, escavados no solo e rodeados con muros de pedra cunha pequena entrada que os paisanos chaman ouriceiras porque se gardaban aquí os ourizos cando se sacudían os castiñeiros. O que habería que investigar é se foron construídos con tal finalidade ou se polo contrario xa existían e despois foron empregados como ouriceiras. Despois de atravesar pola carballeira que hai xunto o pozo de Trapa e por unha leira de eucaliptos, volvemos a deixa-la marxe do río para subir cara o monte do Retorno, pasamos ó lado da vella casa do Retorno e logo pasamos a carón do Pazo de San Cristovo. Despois de visita-los restos do pazo, se é que somos capaces, polo abandono no que se atopa, dirixímonos por un carreiro fondo e estreito ata chegar ó regato de Portamuíños, onde hai varios muíños abandonados. Atravesando este regato, seguimos ata chegar a unha fervenza que forman as augas que baixan da aldea de Pena que despois se dispersan en sinuosos regatos que baixan polas penas e polo monte que ten aquí un gran desnivel ata chegar ó Pozo do Pego no río Ulla, onde o río xira  despois de formar un amplo e profundo  remanso do que se contan moitas historias. Din algúns paisanos que as augas fan un remuíño  do que os nadadores non dan escapado e despois de tragalos van saír río abaixo. Para chegar ó mencionado Pozo do Pego baixamos por un camiño de carro e despois de embelesarnos coa afrodisíaca paisaxe do seu contorno retrocedemos camiño arriba e seguimos máis adiante por pistas da concentración parcelaria ata chegar preto da parroquia de San Pedro de Ribeira á estrada que baixa de Fao, onde remata o itinerario desta segunda e cen por cen natural, ruta de sendeirismo.  No fondo da aldea de Pena, hai un mirador natural dende o que se pode contemplar unha bonita paisaxe do curso do río Ulla e como cambia de sentido no Pozo do Pego (ver foto).

         Alternativa ó Camiño "oficial" de Santiago.

         Son varios os peregrinos que se desvían do camiño oficial que figura nas guías, collendo a estrada comarcal AC240 que atravesa as parroquias que están máis ó norte do Concello de Touro: Beseño, Quión, Touro, Loxo, Bama, Prevediños e Vilar.

        Existen outras rutas e lugares dignos de ser visitados polos sendeiristas, sobre todo nas parroquias de Calvos e Circes, bordeando o río Ulla, visitando a fervenza e o pazo de Rosende e o canón que forma o Ulla á altura da parroquia de Calvos, asi como a recente construcción de dous embalses, un en Calvos e outro en Circes.

Áreas recreativas

  Hai algunhas áreas recreativas entre as que destacamos a área recreativa de A Santaia, ó lado da Ponte Santaia, xunto ó río Lañas, na parroquia de Touro. Conta cun local cerrado e cuberto, zonas de campo e sombras ó lado do río con mesas de pedra, asadores de pedra e tamén hai preto de aquí un muíño restaurado.

 Outra área recreativa é a de Brandelos xunto a este río e nunha espesa carballeira onde se celebraba unha romaría xunto a ermida que alí existe. Tamén se celebraba aquí unha feira o día seis de cada mes. Hai neste lugar unha fonte de augas sulfurosas onde acudía a xente a toma-los baños, e aínda na actualidade, hai quen vai buscala para curar feridas e outras enfermidades.

Noutras parroquias existen tamén algunhas pequenas áreas recreativas e recunchos de gran beleza paisaxística como as Penas do Batán entre Loxo e Enquerentes, a Fervenza do Baltar en Vilar, o Pego de Ribeira,  a Remesquide, o Canón do Ulla en Calvos, etc.

            Outros servicios do Concello

            Na capital municipal (Fonte Díaz) hai un Cuartel da Garda Civil, dúas entidades bancarias, Xulgado de Paz, servicio de Correos, emisora de radio e os outros servicios municipais habituais en concellos similares.

 

          Praias máis próximas

            A praia de Barraña–Praia Xardín, no municipio de Boiro, está a 79 Km dende Fonte Díaz. A esta praia acude moita xente de Touro, xa que é unha das praias, con bandeira azul, máis tranquilas da provincia. Conta cun amplo paseo marítimo con moitas superficies arboradas e outro tipo de servicios que a converten na praia ideal para persoas maiores e para familias con nenos pequenos. Son varios os que mercaron piso en Boiro e moitos os que collen a neveira portátil para pasar alá o día. Tamén en Boiro existen outras praias con bandeira azul pero con menos sombras, temos a praia de Mañóns con augas algo máis quentes e a de Carragueiros que é a máis soleada e a que máis “morenea”. A 9 km de Boiro está a Praia de Cabío (Poboa do Caramiñal) e a 18 km de Boiro está a Praia do Vilar (Concello de Riveira), en pleno mar aberto e bastante perigosa. Esta última está  preto das dunas de Corrubedo. Outras praias de Riveira son as de Coroso e a de Aguiño. En Rianxo está a praia de Tanxil.

            A distancias similares ás de Boiro están as praias de A Coruña e de Vilagarcía, pero moito máis saturadas e sen sombras. Despois temos as praias da ría de Noia, con augas un pouco máis frías que as de Boiro. A carón desta ría, no concello de Porto do Son,  está o cámping Punta Batuda con toda clase de servicios.

            Para os que non poidan desprazarse ás praias poden ir á piscina municipal, á praia fluvial do río Tambre no concello de O Pino, ou á praia fluvial de Merza no concello de Vila de Cruces.

            Distancias desde Touro a:

            Arzúa – 17 km,  Santiago de Compostela – 29,  A Coruña – 76,  Lugo – 84,  Ourense – 95, Pontevedra – 75, Vigo – 100, Boiro – 78, Portosín – 71, Camariñas – 110, Finisterre – 117, Muros – 96,  Valença (Portugal) – 130, Madrid – 594,  Barcelona – 1080,  Alacante – 1005,  Málaga – 1132,  Bilbao - 565.

             https://www.pueblos-espana.org/galicia/la+coruna/touro/Mapa-Zoom/   Se pican neste enlace poderán ver un mapa de Touro coas distancias  a tódalas parroquias e outros pobos veciños próximos ó Concello.

          Datos estadísticos

          Para coñecer máis polo miúdo outros datos do Municipio de Touro piquen no seguinte   enlace:

          https://agader.xunta.es/ProxectosGAL/indices/portodemouros/Territorio/municipios/TOURO.htm