REFRÁNS E DITOS POPULARES

Refráns dos meses do ano

Refráns de cregos e beatos.

Refráns para os labregos.

Refráns de homes e mulleres.

Refráns do Tempo.

Refráns da Xustiza.

Refráns de remedios caseiros.

Consellos e ditos populares.  

Refráns dos meses do ano

Xaneiro
En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
Polo san Vicente, planta os nabos da semente.
Polo xaneiro verán, nin palla nin gran.
Xaneiro quente, trae o demo no ventre.
No mes de xaneiro, pon os pés no braseiro.
En xaneiro, pon o alleiro.
Tantos días ten xaneiro coma allos da o alleiro.
En xaneiro, sete lobos ó carreiro.
O sol de xaneiro, non ten compañeiro.
Se no xaneiro ves os campos verdear, bótate a chorar, e se os ves terrexar, bótate a bailar.
Polo San Vicente, perde o inverno un dente.

Febreiro
En febreiro, sete capas e un sombreiro.
Polo San Brais, dúas horas máis.
En febreiro, mete obreiro, pan che comerá pero traballo che fará.
Febreiriño corto, cos teus días vinteoito,
se duraras outros catro, non deixabas can nin gato,
nin ratiño no burato, nin ovella rabela,
nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro,
nin orella ó pregoeiro.
As patacas de febreiro, van no cesto e veñen no sombreiro.
Polo San Matías igualan as noites e os días.
Febreiro e as mulleres, no día teñen sete pareceres.
Pola candeloria, metade do inverno fora;
se chove ou fai vento, metade fora, metade dentro.
Febreiro, xeada na leira e cachopo na lareira.
Polo San  Matías, marzo ós cinco días.
San Matías, anda co Entroido ás porfías.


Marzo
Marzo, marzán,
pola mañán cara de rosa, pola tarde cara de  can.
Marzo chuvioso, verán caluroso.
Cando marzo maiea, maio marcea.
Marzo ventoso e abril caluroso,
traen a maio frorido e fermoso.
Marzo, marzolo, trebón e raiolo.
Marzo marzal, déixame o viño trasegar.
Marzo chegar, tempo de enxertar.
Entre marzo e abril, sae o cuco do cubil.
Marzo ben feito, patacas a eito.
San Raimundo trae a anduriña do outro mundo.
O que en marzo non poda a súa viña, perde a vendima.
Marzo amola e abril esfola.
Marzo é enganador, un día malo e outro peor.
Nin marzo con flores, nin moza sen amores.
Se marzo acabou e o cuco non chegou, algo ó cuco lle pasou.
Polo San Pedro de Cuadrela, sae a cóbrega de debaixo da terra.


Abril
Abril frío, moito pan e pouco viño.
Abriles e cabaleiros, son ás veces traizoeiros.
Abril, se malo quere vir, aínda as portas non deixa abrir.
En abril augas mil.
Corta cardos en abril e de cada un naceranche mil.
Entre marzo e abril, se non vén o cuco quere vir a fin.
Altas ou baixas, en abril son as Páscoas.
Da Páscoa á Ascensión, corenta días son.
No mes de abril, fai queixos mil.
Páscoas molladas, anadas dobradas.
As chuvias de abril, tumban o boi no carril.


Maio
Maio longo, San Xoán redondo.
En maio, ainda a vella queima o tallo
e un pouco que lle quedou, en San Xoán o queimou.
Ata o corenta de maio non quites o saio.
Polo San Isidro, sementa o teu millo.
Nin maio sen trebóns, nin home sen calzóns.
Quen en maio non merenda, ós mortos se encomenda.
Vai ver se a túa viña reluz, o día de Santa Cruz (3 de maio).
De Corpus á Ascensión, tres semanas son.
Cando en maio hai lama, ainda algo se gaña.
En maio, o garbanzal, nin nado nin por sementar.
Se marzo maiea e maio marcea, pobre dos que viven na aldea.


Xuño
Auga de San Xoán, nin palla nin gran.
En San Xoán, a sardiña molla o pan.
Polo San Xoán, as once con día dan.
Auga de San Xoán, tolle o viño e non da pan.
Se San Xoán chora, a silveira non da mora.
Polo San Xoán, a fouce na man.
O que aúna en San Xoán, ou é parvo ou non ten pan.
Polo San Antón, xa a galiña pon.


Xullo
En xullo arder e patacas coller.
Xullo andado, millo arrendado.
Pola Santa Mariña, rapa a añiña.
Pola Santa Mariña, pousa a sacha e colle a fouciña.
Cando canta a ran, vén vindo o verán.


Agosto
En agosto, o orballo queima o rostro.
Trebón de agosto mellora o mosto.
En agosto secan os montes i en setembro as fontes.
Auga de agosto, mel e mosto.
No mes de agosto, non capes nin rapes.
A castaña quere en agosto arder e en setembro beber.
En agosto, sol posto, noite connosco.
En agosto, vaise o día coma un lóstrego.
Agosto nos farta e agosto nos mata.
Despois da Peregrina, ven o inverno axiña.


Setembro
Setembro, ou levas as pontes ou seca as fontes.
Polo San Miguel, xa o coello se ve ben.
Se queres mel, cata polo San Miguel, se queres abellas cata polas Candeas.
Polo San Miguel, os figos son mel.
San Migueliño das uvas maduras, tarde vés e pouco duras.


Outubro
Outono chegar,  porco cebar.
Polo Pilar, buxainas a bailar.
Outono quente, trae o demo no ventre.
Polo San Cremente, ergue a man da semente.
Polo Pilar, os nabos na terra e o viño a envasar.
A horta de outono mantén ó seu dono.
Polo San Simón, apreta o baldón.
Polo San Lucas e polo San Pastor, entran as noces en sabor, as mozas en amor e as vellas en dor.

 

Novembro
De Santos á Navidá, é inverno de verdá.
Por tódolos Santos, neve nos altos, polo San Andrés,
neve nos pés.
Polo San Martiño, nen fabas nin liño.
Polo San Martiño, buxainas ó camiño.
Bendito o mes que comeza con Santos, media con San Uxío e remata con San Andrés.
Polo San Martiño di o inverno ¡¡¡¡Alá vou eu!!!!
Polo San Martiño, deixa a auga, come pan e bebe viño.
A todo porco lle chega o seu San Martiño.
No mes dos mortos, mata os teus porcos.
O veranciño de San Martiño, ou grande ou pequeniño.
Dende Santos ó Nadal é inverno natural.
Polo San Martiño, andan as noces a roliño.


Decembro
Nadal chuvioso, xaneiro ventoso.
Os allos polo San Silvestre, nin nados nin na reste.
Pola Santa Lucía, some a noite e medra o día.
Cando o Nadal nada, sinal de boa anada.
Nadal mollado, xaneiro xiado.
O que queira ter bo allal pránteo no nadal.
 

 Refráns de cregos e beatos

Fai o que o crego dixer e non o que él fixer.
O Crego, onde cantaba, alí xantaba.
Pecado calado, medio perdoado.
Os cregos en calzón, homes son.
Na casa do abade, comede e levade.
A cruz nos peitos e o demo nos feitos.
Onde hai prudencia e boa conciencia, sobra penitencia.
Á porta do rezador, non botes o trigo ó sol, e a porta do que non reza nada, nin gran nin palla.
Cara de beato e unllas de gato.
Vale máis pouco pecar, que moito confesar.
Os bens do sancristán, por donde veñen van.

 

Refráns para os labregos

Labrego que estime a súa fama, non lle saia o sol na cama.
Labrego chalán, no colle viño nin come pan.
Cando a rula rular, colle o cesto e vai sementar.
Se queres ter pan abondo, esterca ben e ara fondo.
Caves ben, cabes mal, cava ben no carreiral.
O que paga criados e non os vai ver, venda o que ten para os manter.
Moito e ben, non o fai ninguén.
Pouca terra e ben abonada, vale pola moita mal traballada.
Cando o paxaro a pica, é cando a froita está rica.
Carro derradeiro, ou moi cargado ou case valeiro.
Leiras en moitos lugares, dan moitos pesares.

 

Refráns de homes e mulleres.

De neno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro; e de vello can.
Vale máis pequeno e agudo que grande e burro.
Home pequeno, fol de veneno.
Tabaco, viño e muller, botan un home a perder.
A ocasión fai o home ladrón.
O martes non te cases, nin te embarques.
Antes de casar, ter casa en que morar, terras en que traballar
e viñas en que podar. O casado casa quere.
Casamentos con foguetes, acaban con cachetes.
O home propón, Deus dispón e a muller todo o descompón.
O home que lonxe vai casar, ou chata leva ou a vai buscar.
Solteirón e corentón, que sorte tés lambón.
¿Por qué non te casas Xan? as que me dan nas quero e as que quero non mas dan.
O mal do pai, co fillo vai.
O home pensa e a muller da que pensar.
A muller e a gata, é de quen a trata.
Se queres que a muller che queira, ten diñeiro na carteira.
Non hai lúa coma a de xaneiro, nin amor coma o primeiro.
Dúas fillas e unha nai, son tres demos para un pai.
Muller ben casada, a que non ten sogra nin cuñada.
Os fillos da miña filla, meus netos son, os fillos da miña nora,
ou o serán ou non.
A muller e a sartén, na cociña están ben.
En marrao e muller, vale máis acertar que escoller.
Viúva rica, con un ollo chora, co outro repenica.
A muller e a sardiña, redondiña e ben feitiña.
A muller e o vento, cambian nun momento.
Traballando sen candil, fanse fillos mil.
Home prevenido, nunca foi vencido.

 

 Refráns do Tempo.

Vento solan, auga na man.
Norte escuro, vendaval seguro.
Cando o tempo anda ó revés, ata chove do nordés.
Nordés polo serán, vento do sur pola mañán.
Ceo escamado, vendaval ó rabo.
Ceo aborregado, auga de contado.
Ceo empedrado, chan mollado.
Trebón de xaneiro, nin bo pan, nin bo palleiro.
Auga de tronada, nuns sitios pouca e noutros nada.
Cando o Pico Sacro cobre o capelo, nenas da Ulla poñede o mantelo.
O que se abriga debaixo da folla dúas veces se molla.
Chuvia pola Ascensión, nin boa faba nin bo melón.
Arco da vella ó poniente, ceiba os bois e vente.
Sol madrugador, pouco durador.
Ca lúa de xaneiro, vese unha formiga no carreiro.
Lúa posta, baixamar na costa.
Gaivotas á terra, mariñeiros á merda.
Gaivotas no porto, tempo revolto.
No minguante da lúa, non sementes cousa algunha.
Inverno chuvioso, verán caluroso.
 

 Refráns da Xustiza.

Prefiro a vaca morta que a xustiza na porta.
Coa autoridade e a Inquisición, chitón.
Non bebas sen ver, nin firmes sen ler.
De teimosos e porfiados, viven os avogados.
Onde letras falan, barbas calan.
Onde non te chaman, non te metas.
Bens partidos, bens perdidos
Se os preitos queres gañar, tres cousas tes que facer.
ter razón, facerllo ver e que cha queiran dar.
Do mal que tiveras feito, garda o segredo no peito.
Quen deixa o que ten antes de morrer, que vaia a pedir si se quere manter.
De fora virá, quen te botará.
Vale máis ruín compostura que bo preito.
Entre pais e irmáns, non metas as mans.
 

 Refráns de remedios caseiros.

Allo fervido, allo perdido.
Antes suar que tremar.
Vinagre, limón e mel, saben mal pero fan ben.
Despois de xantar, durmir, despois de cear, mil pasos dar.
O que xanta ben e caga forte, non ten medo á morte.
Auga corrente, non mata á xente.
O que se da á bebida, ben pouco estima a súa vida.
Unto de porco e mel de abellas, fervidos en viño e ¡fora catarreira!
Pulmonía sen quentura, morte segura.
Se te morde un alacrán, busca crego e sancristán, que mañá te enterrarán.
Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañá estás na terra.


Consellos e ditos populares.  

Doce galiñas e un galo, comen tanto coma un cabalo.
Can ladrador, pouco mordedor.
Vale máis andar que ornear.
Non é ouro todo o que reloce.
Corre o ouro para o tesouro.
Mans que non dades ¿que esperades?
Falar sen pensar, e como tirar sen apuntar.
En boca pechada non entran moscas.
Non todo o que se di se fai, nin todo o que se fai se di.
Cando un non quer, dous non berran.
Vale máis calar que mal falar.
A quen Deus non lle da filliños, o demo lle caga sobriños.
O demo sabe máis, por vello que por demo.
O home lume, a muller estopa, ven o demo e sopra.
¡Fíate do demo e non corras!
O que non xogou, nin perdeu nin gañou.
De xogador a ladrón, non hai un escalón.
Chegar e encher, non pode ser.
O amigo e o bo tempo, cambian co vento.
Gasta en festas e en viño, o que lle vas deixar ó sobriño.
Cando o arrieiro vende a bota, ou sabe a pez ou está rota.
O viño do Ribeiro non ten compañeiro.
O home onde nace e o boi onde pace.
Vaca de moitos, ben muxida e mal mantida.
A cabalo regalado non se lle mira o dente.
Cousa xusta i exacta, decía o crego da Golada:
tres porcos son seis touciños, doce pés e tres fociños,
seis orellas e tres rabos, seis co..... e tres ca......
Nin sirvas a quen serviu, nin pidas a quen pediu.
Forza, de mozo, e consello de vello.
Na terra dos lobos, ouvear coma todos,
Onde vivires, fai o que vires.
Cando as barbas do veciño vexas afeitar, pon as túas a remollar.
Servir a quen quere ser señor, é servir a un traidor.
O que ós vellos non quere crer, ou é cego ou non quere ver.
Fai o ben e non mires a quen, fai mal e arrédate.
O que tarde ou cedo as ten que levar, non ten nada que esperar.
Despois de algo perdido, algo recollido.
À quen non lle sobre pan, que non críe can.
O que fai ben, faino para él tamén.
Meu dito, meu feito.
Non hai que confundir o touciño coa velocidade.
Onde non hai medo, non hai vergoña.
De tal xente, tal semente.
Comer e rañar, todo é empezar.
O que xanta de pé, nunca farto é.
Cando a galiña pica ó galo, malo, malo,
Cando o galo pica á galiña, aínda, aínda.
Xaula feita, paxaro morto.
Cando o vello incha, na cova rincha.
Está o vello morrendo e está aprendendo.
O que ten besta e anda a pé, máis besta él é.
Ovella que berra, bocado que perde.
San Adrián dos Canteiros, feito de pao de sanquiño,
dame tanta forza no ca.....  como ten o porco no fociño